Continúan as actividades de homenaxe a Valle-Inclán

Cultura
Marta Torres
Pola esquerda, González, Piñeiro e Lorenzo na presentación das xornadas. Foto: Suso Souto

A Pobra. Continúan en A Pobra do Caramiñal as actividades previstas no marco da vixésimo terceira edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Así, para esta semana cóntase cun programa que inclúe varias representacións teatrais, unha exposición conmemorativa e unha conferencia.

No eido de funcións teatrais destinadas especificamente ao público escolar, Cachirulo levará A cabeza do dragón ao CEP Pilar Maestú Sierra este mércores; e fará o propio no CEP Salustiano Rey Eiras durante a xornada do xoves 21 de outubro.

Por outra banda, este venres abrirase ao público a exposición conmemorativa Ramón del Valle-Inclán convidado especial da República de México, depósito de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Será no museo local a partir das 20.00 horas.

A continuación, nesta mesma ubicación, terá lugar o coloquio De Galicia a México: Valle-Inclán 1921, a cargo do neto do homenaxeado; unha intervención con imaxes proxectadas.

E, o sábado día 23, ás 20.00 horas, Airiños Teatro realizará no teatro Elma a lectura dramatizada Galicia e Valle-Inclán, versión en galego dun texto de Castelao, así como a representación de contos breves de ficción galega como Malpocado, Un cabecilla, O meu bisavó e Os ollos que viron, escritos polo creador do esperpento.

Para asistir ás actividades requírese inscrición previa chamando ó 981 831 662. m. t.