Convocatoria de axudas para ampliar formación na Aula Mentor

Os interesados poden obter máis información no Concello de O Son ou no 981 867 412
Axudas
M.C.
Concello de Porto do Son.

Porto do Son. O Concello de O Son desenvolve ao longo do ano unha serie de accións formativas encamiñadas a mellorar as opcións profesionais dos veciños e veciñas. Estas accións sitúano como o concello das comarcas de Barbanza e Noia con máis actividades formativas desenvolvidas nos últimos anos.

As limitacións orzamentarias, así como os lóxicos criterios de prioridade á hora de deseñar as accións formativas a desenvolver, fan que determinados ámbitos non poidan ser cubertos pola programación habitual deste servizo. Asemade, dentro do colectivo de persoas usuarias do mesmo, “existe unha demanda importante de formación específica baremable para oposicións”, explican ó respecto dende o Servizo de Orientación Laboral sonense.

Por iso, o Concello de Porto do Son dá un paso máis na súa aposta pola formación coa convocatoria de axudas para a realización de cursos a través da Aula Mentor que, “avalada polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación, ofrece a posibilidade de obter, baixo a modalidade online, unha capacitación completa, individualizada e con certificado de validez a estes efectos”, apuntan.

O blog de emprego do Concello de Porto do Son (https://empregoportodoson.wordpress.com/) conta xa cunha sección específica para esta convocatoria, na que as persoas interesadas poderán consultar as bases da mesma ou información xeral sobre o programa Aula Mentor. Máis información chamando ó 981 867 412. m. c.