Demandan arranxos para a piscina da vila outense

Infraestruturas
Marta Torres
Segundo apuntan os nacionalistas a instalación ten goteiras no seu interior. Foto: BNG

Outes. Tras realizar unha visita á piscina de Outes, dende o BNG denuncian “o abandono total destas instalacións e a necesidade urxente de acometer arranxos na infraestrutura”. Ao respecto, a voceira municipal do partido, María Xosé Suárez, afirmou que “non ten sentido gastar máis de 120.000 € en vinte ventiladores no pavillón polideportivo de Roo mentres unha infraestrutura tan boa, necesaria e empregada como a piscina ten goteiras no seu interior e unha máquinaria que precisa mantemento de maneira urxente”.

Asemade, Suárez tamén recriminou que logo de dous anos o goberno local incumplira dous puntos principais da moción presentada polo BNG no 2019 na que se recollían os seguintes acordos: contratación de persoal de sala, ampliación do horario ao mediodía e evitar o peche do ximnasio no mes de agosto.

Pola súa parte, Saúl Suárez del Río, encargado de Deportes do Bloque, declarou que “o goberno de Outes ten que poñerse as pilas e planificar debidamente as actividades deportivas da piscina municipal e promocionalas. Non é normal que a 15 de setembro non haxa un listado dos cursos que ofrece a piscina municipal e unha páxina web actualizada”, concluíu. m. t.