Dende o BNG outense sospeitan de ‘amiguismo’ en contratos menores

Solicitaron acceso a unha relación de contratos e informes do persoal municipal
Denuncia
Marta Torres
Membros do BNG de Outes.

Outes. O BNG de Outes vén de denunciar que solicitou, fai máis dun mes, acceso a unha relación de contratos e informes do persoal técnico municipal e “aínda non obtivemos resposta de ningún tipo”, indicaron ao respecto.

Dende a formación frentista din que xa amosaron, no pleno ordinario de febreiro, “fondas sospeitas nalgúns contratos menores realizados polo goberno. Fixéronse preguntas sobre estes na comisión de contas previa ao pleno con respostas moi vagas”, aseguraron.

O concelleiro nacionalista, Anxo Núñez, manifestou que “resulta chamativa a factura do servizo de Madrugadores e Tardes divertidas que ascende a uns 2.900 euros mensuais e que se concedeu baixo o paraugas de contrato menor en troques de convocar concurso”.

Ademais, Núñez destacou que “unha das que nos chaman a atención corresponde á organización dun Papá Noel telemático celebrado no Nadal e que ascende a 935 €. Unha suma que vemos inxustificada porque existían alternativas máis económicas”. Tamén sinala que “aparecen grupos de facturas pequenas a negocios próximos á candidatura de Compromiso en troques de repartir este tipo de gasto en todos os establecementos do Concello”. m. t.