Dende o BNG propoñen medidas para os orzamentos boirenses

Recollen propostas para a área de servizos, emprego, cultura ou para medio ambiente
Política municipal
Marta Torres
Apostan pola municipalización do complexo deportivo A Cachada. Foto: C. B.

Boiro. O BNG de Boiro realiza múltiples propostas ao goberno local para a aprobación dos orzamentos municipais para este exercicio. Entre elas, recollen medidas sociais para ofrecer protección e apoio aos colectivos máis vulnerables. Dende a citada formación solicitan que se contemple no documento económico unha partida para a elaboración dun proxecto para unha residencia da terceira idade. Tamén piden o aumento das partidas destinadas aos Servizos Sociais e iniciar os trámites de rehabilitación das vivendas baleiras dos mestres para destinalas a vivendas sociais.

En canto á cultura, os nacionalistas inclúen medidas como o acondicionamento e dotación, tanto persoal como material, para os centros sociais do municipio, a apertura de Radio Boiro e a recuperación dos elementos patrimoniais do concello, como muíños, mámoas ou petróglifos, habilitando rutas sinalizadas en torno a eles.

Por outra banda, apostan pola municipalización do complexo deportivo A Cachada e, dada a situación derivada da pandemia, pola instalación de rede wifi nos centros sociais e en determinados lugares do espazo público.

Sobre o medio ambiente, dende a formación frentista piden unha mellora do servizo do lixo e, no apartado de emprego, a posta en marcha de obradoiros formativos con posibilidade de contratación. Asemade, consideran “importante a implicación veciñal na vida política”, polo que avogan por uns orzamentos participativos. m. t.