Dezasete empresas van competir para facer as obras da Ponte Nafonso

A actuación integral ten como obxectivo mellorar a seguridade desta infraestrutura
Licitación de obras
Marta Torres
Imaxe do proxecto do viaduto de Ponte Nafonso. Foto: Xunta

Noia. A Xunta de Galicia recibiu un total de trece ofertas para executar as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e Outes. Das trece ofertas presentadas, catro están conformadas por UTE, o que supón un total de dezasete empresas implicadas na licitación.

A actuación integral nesta ponte ten como finalidade mellorar a seguridade desta

infraestrutura e garantir a súa conservación. Para acadar este obxectivo o Goberno galego investirá un total de 707.000 euros, tendo en conta as actuacións de vixilancia ambiental e o seguimento e control arqueolóxico.

As intervencións impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na Ponte Nafonso, un ben catalogado patrimonialmente, consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente, que se atopa deteriorada. Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores do viaduto coa fin de mellorar o seu aspecto estético, eliminando os elementos danados da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

O proxecto tamén prevé dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia plataforma, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Asemade colocaranse paneis informativos e carteis de localización.

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva. Deste xeito, o Executivo autonómico continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

historia A Ponte Nafonso é unha infraestrutura de grandes dimensións sobre o Tambre, que constitúe cos seus 20 arcos e 270 m de longo, o viaduto máis impoñente e antigo da contorna. O perfil ojival de varios dos seus arcos, confirma a súa orixe baixa medieval. Crese que foi construído no reinado de Alfonso IX, ao que debe o seu nome. m. t.