Dúas rutas para desfrutar do patrimonio de Outes

Sendeirismo
M.C.
Un dos estaleiros que se conserva en Outes. Foto: C. O.

Outes. A concellería de Turismo do Concello de Outes invita a coñecer o patrimonio natural e industrial do municipio mediante dúas rutas guiadas que programou para os días de Semana Santa.

A primeira, fixada para o sábado 16 de abril, é a dos Carpinteiros cos pés mollados. Trátase dun roteiro litoral de 9 quilómetros, considerado de dificultade baixa, que discorre por dous estaleiros que aínda se conservan en bo estado para apreciar o traballo que se realizaba neles. “Tamén se poden ver moitos restos da pegada destas carpinterías que durante sesenta ou setenta anos foron o sustento de medio milleiro de familias da zona”, indican fontes municipais. O punto de encontro dos participantes será o centro náutico de O Freixo, ás 10.00 horas.

Xa o domingo día 17, terá lugar a ruta Fervenzas de San Paio, de 6 quilómetros e dificultade media. A comitiva partirá dende a capela do lugar a partir das 11.00 horas.

Segundo informaron dende o departamento de Deportes de Outes, as persoas interesadas en asistir a estas camiñatas deberán inscribirse previamente enviando un correo ao enderezo electrónico turismo@outes.gal. Para máis información contactar do mesmo xeito. m. c.