En marcha a nova campaña de compostaxe no concello outense

compostaxe
María Cano
Manuel González e Alba Quintela, na presentación da campaña. Foto: C. O.

Outes. O Concello de Outes vén de poñer en marcha unha nova campaña para impulsar o aproveitamento dos residuos que implicará, segundo avanzaron dende o goberno local, o reparto de 175 composteiros (serán de 340 litros e ubicaranse nas áreas rurais). A actuación conta cun orzamento de 31.300 euros, dos que 25.000 achégaos o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o resto, o Concello. O alcalde outense, Manuel González López, resaltou recentemente a boa acollida do primeiro programa, que se iniciou en xuño de 2020, cando se esgotaron os recipientes en tan só dous días.

As persoas interesadas en recibir de balde un dos 175 composteiros xa poden solicitalo chamando ao 662 523 614 ou enviando un correo electrónico ao enderezo alba.quintela@outes.gal, no que deberán indicar o nome e apelidos, o enderezo da vivenda onde se vai colocar, así como un teléfono de contacto. m. c.