En marcha as obras de saneamento na rúa Buenos Aires, en Corrubedo

Obras
Marta Torres
Rúa Buenos Aires, en Corrubedo.

Ribeira. O Concello de Ribeira vén de informar do inicio da actuación consistente no reforzo da rede de pluviais e a ampliación do saneamento da rúa Buenos Aires, único vial de entrada á parroquia de Corrubedo.

Dende o executivo local sinalaron que a zona onde se centra esta obra non ten a día de hoxe suficiente capacidade para recoller toda a auga superficial cando se dan chuvias intensas, o que motiva que se produzan acumulacións de auga na calzada. Ademais, algúns tramos da rúa carecen de saneamento.

O proxecto técnico elaborado polo Concello persegue por unha parte a mellora da rede de drenaxe da rúa Buenos Aires e, por outra, a ampliación da rede na marxe esquerda do vial.

A obra vai ser executada por Construcciones Anspal, S.L. Comporta un investimento de 40.535 euros e adscríbese ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. m. t.