En marcha o programa de rutas Carnoteando

Andainas
M.C.
Grupo de camiñantes pola Ruta das Leiteiras do Concello de Carnota. Foto: C. C.

Carnota. O Concello de Carnota organiza o programa de andainas Carnoteando para promover o deporte e dar a coñecer os encantos do municipio, que se desenvolverá durante os meses de outubro, novembro e decembro.

A primeira saída está fixada para o 23 deste mes ás 9.30 h. Trátase dunha ruta circular, de 12 quilómetros de distancia, con inicio e fin no porto do Pindo. O itinerario pasará polos seguintes puntos: Os Mouchos, O Pindo, Quilmas, Chan de Lamas e porto do Pindo, de onde partirá.

O segundo traxecto, tamén de 12 km, terá lugar o 6 de novembro (9.30 h). Os camiñantes cubrirán unha ruta circular con inicio e fin no Concello de Carnota e terán ocasión de ver o petróglifo da Laxe Escrita ou as inmediacións da fervenza de Pedrafigueira e do Bico do Santo.

A terceira e última andaina, de 16 km, será o 11 de decembro e nela descubrirán Lariño e Lira. Partirá ás 9.30 horas da antiga escola unitaria de Lariño, onde rematará.

Os tres percorridos teñen unha dificultade media. Os interesados poden inscribirse na web carnota.gal. m. c.