En marcha o programa Muller Dixital na Pobra cun total de vinte participantes desempregadas

Formación
Marta Torres
Xornada inaugural do programa Muller Dixital na Pobra. Foto: Concello

A Pobra. A Pobra do Caramiñal acubilla a impartición de Muller Dixital, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. O programa iniciouse o día 8 coa participación dun total de 20 mulleres desempregadas ou en mellora de emprego. A finalidade é que adquiran competencias dixitais e reducir a fenda de xénero a través da capacitación dixital.

As clases desenvólvense de luns a venres na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal, lugar ata onde se desprazou fai uns días a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, para saudar ás asistentes.

O curso atópase diferenciado en tres bloques temáticos, cunha duración de 40 horas cada un: competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento. Tras finalizaren, as mulleres integrantes recibirán como agasallo cadansúa tablet cun teclado externo para pór na práctica todo o aprendido.

Indicar que dita iniciativa está financiada polos Fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional. marta torres