En marcha un novo plan de aforro de enerxía en Lousame

A Corporación lousamiá aprobou a proposta de clasificación das empresas que optan á adxudicación da segunda fase deste proxecto
MARTA TORRESLousame
Na primeira fase do proxecto, Lousame substituíu 348 puntos de luz no municipio. Foto: C. L.

O pleno ordinario do Concello de Lousame aprobou na noite do venres a proposta de clasificación das empresas que optan á adxudicación da segunda fase do proxecto de aforro enerxético no alumeado público do municipio, en fase de licitación por un importe de 736.340 euros. Deste xeito, a Corporación acordou requirirlle á primeira firma clasificada, Electricidad Cruceiro S.L., que no prazo de 10 días presente a documentación necesaria para ser a adxudicataria do contrato.

En relación a esta cuestión tamén se deu luz verde ó Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (Paces), comprometido en xaneiro de 2019 cando se aprobou a adhesión de Lousame ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, iniciativa de ámbito europeo promovida en Galicia pola Xunta e a Fegamp.

“Faremos campañas de sensibilización sobre a redución de emisións de CO2, cambio climático... para que a comunidade veciñal estea implicada no tema e que saiba que cousas poden facer para colaborar dende a súa área particular”, explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde Pais. O plan foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do edil do BNG.

Por outra banda, desta vez por unanimidade, na sesión tamén saíu adiante unha bonificación do 95 % do Imposto de Bens Inmobles a 9 explotacións agrogandeiras do concello. Unha bonificación da que se beneficiarán aquelas edificacións onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ó sector primario, acolléndose á normativa aprobada en 2017, polo que estas actividades teñen un especial interese e utilidade no municipio, debido ás súas circunstancias socioeconómicas e á relevancia para o emprego.

Finalmente, o pleno aprobou as tres mocións presentadas polo grupo de goberno. Nunha ínstase ó Ministerio de Facenda a que lle ingrese ao Concello de Lousame os 31.159,55 euros procedentes dos ingresos do IVE non liquidados do ano 2017 pola aplicación do SII (Subministro Inmediato de Información).