A remodelación iniciouse coa unificación das dependencias dos Servizos Sociais na segunda planta do concello // Foi posible gracias a unha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público// Garanten a privacidade dos usuarios TEXTO M. Cano

En proceso o lavado de cara do consistorio de Porto do Son

Obras
María Cano
Nun primeiro plano, Maneiro (esquerda), Oujo e Rueda, onte na casa consistorial de Porto do Son. Foto: Xunta

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou onte, xunto co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, as actuacións levadas a cabo nas dependencias de servizos sociais do concello sonense grazas a unha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público, por importe de 40.000 euros. Á visita tamén acudiron a tenente de alcalde, María Maneiro; o edil de Medio Ambiente, Manel Deán, e a concelleira de Benestar Social, Magdalena Pérez.

“Co xa feito e co que imos a facer este ano, creo que vai quedar unha remodelación integral dentro dun edificio que xa existía e que facía falta melloralo”, sinalou Rueda, quen resaltou a importancia da cooperación entre as administracións para axudar aos concellos a levar a cabo proxectos que contribúan ao benestar da cidadanía, como neste caso.

A actuación, na que se investiron 60.000 euros (20.000 € foron sufragados con fondos municipais), consistiu nunha reforma integral do segundo piso do inmoble, no que anteriormente se atopaba o cuartel da Garda Civil. Neste espazo creáronse cinco novos despachos e unha sala de reunións, así como aseos adaptados, mellorando substancialmente o servizo ofrecido aos usuarios da área de Servizos Sociais con espazos que permiten unha atención individualizada e que garanten a privacidade dos mesmos.

Dáse así resposta a unha demanda dos veciños e veciñas sonenses e, en especial, dos usuarios da citada área do concello, que viñan reclamando o seu dereito á intimidade na tramitación das súas xestións. Deste xeito, evitase que os cidadáns teñan que acceder a distintas plantas nas que estaba repartido o servizo.

O vicepresidente primeiro da Xunta avanzou durante a visita que a seguinte actuación que financiará a súa consellería, a través dun convenio, consistirá na remodelación da planta baixa da casa consistorial de Porto do Son que pasará a albergar unhas oficinas de atención á cidadanía, onde se realizarán os trámites máis frecuentes relacionados con rexistro, recadación, xestión tributaria e catastro, e que tamén dará cabida ao rexistro civil e ao xulgado de paz. A intervención ten un orzamento previsto de 145.000 euros dos que a consellería que preside Rueda asumirá 90.750 euros, mentres que o restante o aportará o ente municipal.

Restará para a seguinte anualidade 2022 a remodelación da planta primeira do edificio, que pasará de acoller os servizos para os trámites ordinarios a convertirse nun espazo de traballo técnico no que “terán cabida os espazos destinados á alcaldía e diferentes concellerías, así como do persoal técnico das distintas áreas de intervención, secretaría ou urbanismo”, apuntou o rexedor.

Esta nova organización das dependencias municipais “foi pensada para buscar un mellor funcionamento e organización tanto para o persoal dos distintos departamentos como para os usuarios dos mesmos. Búscase que o consistorio sexa un lugar de traballo máis cómodo e funcional, pero tamén encamiñado a prestar un mellor servizo ao cidadán”. Asemade, Oujo avanzou que se están a mellorar outros aspectos do inmoble, como a eficiencia enerxética, instalando unha nova caldeira de biomasa para substituír a existente, “moi antiga e pouco eficiente”, ademais de cambiar a cuberta “que se atopa nun estado deterioro importante, agravado nos últimos invernos”, comentou o mandatario.

Segundo sinalaron dende a Xunta, o concello de Porto do Son nos últimos once anos ten recibido axudas da Vicepresidencia cun importe de máis de 1,8 millóns de euros destinados a proxectos beneficiarios da Orde de Infraestruturas, do Fondo de Compensación Ambiental, ademais de actuacións na rede de saneamento e abastecemento, melloras de instalacións deportivas ou a creación de parques infantís.

Cómpre lembrar que o municipio pertence á Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza, xunto ao concellos de Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Rois, Ames e Pontecesures, e no ano 2015 gañou o terceiro dos Premios Coopera polo proxecto “Adaptación do servizo de recollida dos RSU ao Real Decreto 110/2015, do 20 de febreiro, sobre residuos de aparellos eléctricos”.