Esgótanse os descontos do marketplace ribeirense

Comercio local
M.C.
Pola esquerda, Francisco Martínez, Manuel Ruiz e Ramón Doval. Foto: C.

Ribeira. En menos de doce horas xa se esgotaron os 500 cupóns de desconto de 30 euros lanzados na medianoite do domingo con motivo do inicio da primeira fase da campaña Amaribeira en apoio ao comercio local impulsada polo Concello.

Para utilizar estes cupóns, de uso exclusivo no marketplace Ribeira Store (https://ribeirastore.com/), hai de prazo dende o pasado luns ata o vindeiro domingo á medianoite, salvo que se esgote o saldo con antelación. Ditos descontos serán de 10 euros por cada 30 € de compra, ata un máximo de 30 € de desconto por persoa usuaria, de maneira que o Concello de Ribeira subvencionará o 33,33 % de cada compra.

O programa de Cupóns de Desconto Amaribeira 2022 é unha iniciativa do Concello de Ribeira que ten por obxectivo fortalecer o sector comercial e propiciar a transformación dixital dos comercios locais. Segundo indicaron fontes municipais, a partir de decembro está previsto poñer en marcha a segunda fase da campaña, con bonos QR a empregar en establecementos físicos do municipio.

A campaña conta cun orzamento de 300.000 euros segundo se aprobou o pasado setembro con cargo ao remanente de tesourería. m. c.