Ferido grave un menor nun atropelo na Pobra do Caramiñal

Accidente
Marta Torres
O neno foi evacuado nun helicóptero medicalizado ata o Hospital Clínico de Santiago.

A Pobra. Un neno resultou ferido de consideración na tarde deste venres ao ser atropelado por unha furgoneta cando estaba a manexar unha bicicleta na Pobra do Caramiñal.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ao fío das 16.15 horas a través de varias persoas particulares que, segundo indicaron na súa comunicación, o sinistro se producira nas proximidades do parque Raquel Soler, fronte á casa da cultura.

Os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata a zona e no que o menor foi evacuado ao Hospital Clínico de Santiago.

Tamén acudiron ao lugar a Policía Local, os Bombeiros de Ribeira e Protección Civil de A Pobra. m. t.