Galardón para a Surf House de Álvaro Marín e Alfonso Castro

Arquitectura
Marta Torres
Imaxe da Surf House, a obra gañadora.

Porto do Son. A Fundación Juana de Vega entregou este xoves o seu Premio de Intervencións na Paisaxe na categoría de vivendas unifamiliares aos arquitectos Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo pola súa obra Surf House, situada no lugar de Fieiros, en O Son. Dela destácase a intelixencia no plantexamento e unha moi boa conexión e integración coa contorna, permitindo unhas espectaculares vistas.

Asemade, o xurado decidiu conceder dous accésits. Un foi para Juan Creus e Covadonga Carrasco polo proxecto da Casa Elías, en Corcubión, e outro para Ángel Santorio Cuartero por unha vivenda en Fortiñón-Saiáns, en Vigo. Tamén se destacou cunha mención especial o proxecto de Cecilia López Muíños, Juanjo Otero e Luis Ángel López, que recuperaron unha casa incendiada no lugar de Saa en Carballeda de Avia, proivincia de Ourense.

Segundo indicaron dende a Fundación Juana de Vega, o obxectivo principal deste galardón “é recoñecer a mellor vivenda unifamiliar, tanto de nova planta como de rehabilitación, que poida influír favorablemente nos tipos de vivenda que se constrúen en Galicia e mesmo contribúan a servir de inspiración para proxectos futuros”. m. t.