Histórico orzamento co que Muros pode mirar adiante con optimismo

Ascende a 7,8 millóns de euros o presuposto, que se viña prorrogando dende o ano 2015, o que era un handicap na xestión municipal // Sométese hoxe a pleno
Orzamentos
Marta Torres
A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo. Foto: ECG

Na man dos membros da Corporación muradá está enderezar o rumbo do Concello. Hoxe o goberno local, liderado pola popular Inés Monteagudo, tratará de sacar adiante uns orzamentos que ascenden a 7.832.293 euros. Despois de varios exercicios prorrogando as contas, trataríase do primeiro proxecto económico aprobado no municipio dende o ano 2015, cando aínda gobernaba a socialista Caridad González, estando desfasado na actualidade. “Esa falta de orzamentos está sendo un handicap no que é a xestión municipal, pois fai inviables determinadas xestións e está prexudicando ao Concello e aos veciños”, asegurou a mandataria local.

É un documento de transición entre a situación na que se atopan e á que lles gustaría chegar. Non inclúe plans ambiciosos “porque non é posible coa situación financeira e contable que temos agora”.

O que se pretende é “crear unha estrutura de gasto que permita o desenvolvemento futuro das cuestións de interese para o Concello”.

Por iso, ao capítulo de persoal destínase a metade do gasto presupostario (50,6 %). Para investimentos resérvanse 1.060.284 €. “Coas incorporacións de remanentes que se están a executar e que pertenecen a exercicios anteriores vaise elevar a 1.898.596 euros”, indica a alcaldesa.

A proposta do Partido Popular aumenta a liquidez e atende os servizos básicos esenciais e axudas de emerxencia en activo, destinando a actuacións de protección social 1.129.277 euros.