Homenaxe a Victoriano García na vila pobrense

Cultura
Marta Torres
Presentación do terceiro Ciclo Victoriano García Martí. Foto: Concello

A Pobra. O municipio pobrense volve tributar unha homenaxe a un dos seus referentes literarios co terceiro Ciclo Victoriano García Martí, organizado pola concellaría da Cultura, coa colaboración da Deputación da Coruña e da asociación cultural Barbantia. Unha programación que se vai desenvolver no auditorio do Museo Valle-Inclán en decembro, e coa que pretenden contribuír á posta en valor da figura e obra deste escritor, fillo predilecto da localidade.

Esta terceira edición concéntrase en dous días. No venres 3, ás 19.00 horas, Xoán Pastor Rodríguez impartirá a conferencia A xeración de Victoriano García Martí no Barbanza para dar paso, ás 19.30 h., á presentación da lámina dedicada a García Martí da man do seu creador, Manuel Teira. E, na xornada do sábado 4, o grupo de baile e música tradicional Xiada realizará unha ruada por distintos lugares da vila pobrense para, ás 19.00 h, efectuar a ofrenda floral ante o busto do escritor.

Posteriormente, Antonio González ofrecerá o coloquio As obras completas de Rosalía de Castro nas cartas de Victoriano García Martí e, por último, procederase coa presentación da edición facsimilar La tragedia del caballero de Santiago (1925). m. t.