Regresan aos escenarios na terra de Antón Romero, o rapaz encargado de ilustrar o seu novo traballo con referencias a Vigo como a Ponte de Rande, submariños ou barcos pirata // A Xunta tamén colabora coa banda de rock galega TEXTO María Cano

Inicia a súa xira o ‘Nautilus’ dos Resentidos en Portosín

Cultura
María Cano
Pola esquerda, Antón Romero, Luis Oujo, Antón Reixa e Valentín García, onte na presentación do concerto en Porto do Son. Foto: C. de Porto do Son

Os Resentidos recalarán coa súa música en Portosín (Porto do Son) este sábado da man da Xunta de Galicia, que colabora no regreso aos escenarios da ecléctica banda de rock galego case 30 anos despois. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este martes na presentación do concerto que acollerá a praza do Curro ás 22.00 horas, e que será a primeira parada da xira Operación Nautilus.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou na súa intervención “a contribución dos Resentidos á normalización do uso da lingua galega desde o ámbito musical e á súa visibilización e posicionamento do rock galego no panorama nacional”, e recordou “que a mítica peza Galicia caníbal se converteu rapidamente en himno da Movida e se fixo universal ata os nosos días”. “Seguramente non hai galego nin galega que non coñeza ou se recoñeza no seu retrouso, que marcou todo un fito para o rock galego e tamén para a lingua galega”, engadiu.

Canda Valentín García, participaron tamén no acto de presentación, que tivo lugar no centro de interpretación do castro de Baroña, o rexedor sonense, Luis Oujo, Antón Reixa, cantante e fundador dos Resentidos, e Antón Romero, o rapaz sonense que creou os debuxos que compoñen os vídeos das cancións, así como dos carteis dos concertos.

Nautilus é o nome do disco que trae de novo á actualidade, 28 anos despois, aos Resentidos. Unha homenaxe á fantasía de Jules Verne e ao seu famoso capitán Nemo que, a bordo do seu Nautiulus, percorreu 20000 leguas baixo os mares, con parada en Vigo, a mesma cidade que viu nacer á banda hai case 40 anos, na procura dun tesouro afundido. Fantasía hai tamén na nova música do grupo que, segundo as súas propias palabras, seguen pelexando polo seu propio tesouro, o do rock en galego.

Desde 1993 este é o primeiro álbum de estudio da formación integrada por Antón Reixa, Rubén Losada, Xabier Soto, Gabriel Villar, Xoaquín Seoane, Pablo Vidal e Anxo Graña. En total, 12 temas inéditos para celebrar este regreso, no que ten un papel fundamental Antón Romero, con trastorno de espectro autista, que aos seus 15 anos foi o elixido polo propio Reixa para levar a cabo a proposta visual do disco e que poderá desfrutar en Portosín, a súa localidade natal, do regreso aos escenarios do mítico grupo de rock galego este sábado, 10 de xullo, con entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade.

Segundo indicaron dende a administración local, para garantir o cumprimento das medidas fronte a COVID, a praza na que se desenvolverá a cita cerrarase co obxectivo de controlar o acceso do público. Asemade, colocaranse 300 cadeiras neste espazo portuario para que o público poida seguir o concerto dunha maneira segura, pois estas estarán separadas a unha distancia de 1,5 m, como marca a normativa.

Ao ser a entrada gratuíta non será necesario reservala previamente, pero si chegar ao evento con antelación. A apertura das portas está prevista para as 21.00 horas para evitar aglomeracións. Toda a información en www.portodoson.gal.