Innovación social e novas oportunidades da man de Amicos nunha xornada

Inclusión
María Cano
Acto inaugural da xornada no Coliseo Noela de Noia. Foto: X.

NOIA. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, presentou este xoves en Noia a I Xornada de Innovación Social da Fundación Amicos, unha entidade dedicada a traballar pola inclusión e a igualdade das persoas con discapacidade. Durante o acto deron a coñecer varios proxectos que contribúen a impulsar tanto o emprego e a formación das persoas con discapacidade, como a competitividade e a innovación social das entidades e empresas de economía social neste eido. González destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de programas que pretenden avanzar cara a mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas con discapacidade. Entre as iniciativas relacionadas co impulso da inclusión da diversidade nas políticas de responsabilidade social, atópase o Proxecto Erasmus Train-Inc, unha proposta que ten como obxectivo o intercambio e a aprendizaxe intercultural das persoas con discapacidade a través de obradoiros, viaxes e encontros nos que participantes de distintos países compartan metodoloxías de traballo. Outra das propostas expostas, Amicovid19, céntrase en como a crise do COVID evidenciou a necesidade de adaptar os servizos á nova realidade. m. c.