Instalan unha pérgola no parque da Praza de Galicia

Obras
Marta Torres
A estrutura, tipo pérgola, abrigará tanto ó parque como á parada de autobús. Foto: C. de Boiro

BOIRO. O Concello de Boiro comezou esta semana a execución das obras da cuberta con iluminación solar fotovoltaica para o parque infantil da Praza de Galicia. A actuación, valorada en 247.740,25 euros, conta co financiamento do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña. Esta intervención permitirá crear unha estrutura tipo pérgola duns 22x32 metros para que funcione como abrigo da área de xogos e tamén do espazo contiguo destinado a parada do transporte público. A cuberta estará formada por pórticos de madeira laminada, bases de láminas de policarbonato celular e protección dos raios UV. A construción tamén vai contar con iluminación LED e cargadores USB de intemperie. “Esta actuación dá resposta a unha importante demanda da veciñanza e que os cativos teñan un lugar no que xogar nos días de choiva así como cubrir a parada de autobús e o acceso do aparcamento público”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero. m. T.