Invisten máis de 190.000 € en mellorar os CEIP sonenses

Educación
ECG
Para o vindeiro curso prevén solicitar unha pista multideporte para o colexio Santa Irene.

Porto do Son. O Concello do Son, que conta con nove colexios de Educación Primaria e Infantil, ten previsto investir neste ano máis de 136.000 euros en mantemento e conservación dos centros educativos, ademais de 60.481,96 euros en melloras.

Así o avanzou este xoves a titular deste departamento, Magdalena Pérez, quen explicou que a administración local realizou obras de pequena e mediana envergadura durante o verán. Leváronse a cabo “adaptacións en diferentes zonas dos centros, creouse unha aula no CEIP de Nebra e acometéronse melloras de accesibilidade ou reformas no colexio de Baroña”. Todas elas supuxeron un investimento de case 40.000 €.

A concelleira adiantou que xa está adxudicada a pista multideporte que se realizará neste último trimestre do ano en Nebra. O importe da intervención ascende a 85.458 euros, dos cales 44.467 € serán aportados pola administración local e, a cantidade restante, pola Xunta. Para o vindeiro curso prevén solicitar outra pista multideporte para o colexio Santa Irene.

A maiores, o Concello instalou caldeiras de biomasa mediante fondos FEDER para “acadar uns centros educativos máis respectuosos co medio ambiente”, dixo. ecg