‘Involución’ exhíbese en Lousame ata o día 27 de maio

Exposición
M.C.
Iglesias, ao fondo á dereita, na inauguración da mostra. Foto: Concello

Lousame. A casa da cultura de Lousame acolle desde o pasado 23 de abril e ata o 27 de maio a exposición Involución, da ilustradora sonense Sara Iglesias, quen define a mostra como “unha serie de ilustracións que fan reflexionar sobre as accións humanas cara o planeta Terra”.

Involución está composta de tres partes. “A primeira dedícolla á nai Terra que, aínda con todas as trabas que lle poñemos, se abre camiño e florece”, explica Sara Iglesias. A parte central da exposición está dedicada aos catro elementos da natureza, baixo os cales están colocados obxectos ou pezas que se identifican con eles, mentres que a terceira parte está centrada no mar. Aínda que a mostra vai dirixida a todas as idades, a autora fai fincapé en que o proxecto naceu de “querer concienciar desde a infancia sobre o que está pasando”. Todas as ilustracións están realizadas a acrílico e dixital.

O horario de visita é de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e os luns, mércores e venres, tamén de 18.00 a 21.00.

festa. Lousame celebrará o día 15 a XX Festa do Galego na praza Teodomiro Hidalgo, en horario de 11.00 a 20.30 horas. Haberá xogos e obradoiros culturais, contacontos, música e exposicións. m. c.