‘Libre coma os paxaros’ leva a vida de Rosalía á vila muradá

25-N
M.C.
Trátase dun espectáculo sobre a figura de Rosalía de Castro. Foto: cultura.gal

Muros. O vindeiro sábado día 26, ás 21.00 horas, chegará ao auditorio do centro cultural de Muros a compañía Teatro do Atlántico co seu espectáculo Libre coma os paxaros, incluído na programación deseñada polo Concello co fin de conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero.

Trátase dun espectáculo sobre a figura de Rosalía de Castro. A actriz María Barcala, baixo a dirección de Xulio Lago, convértese na escritora galega, muller creativa, posuidora da súa liberdade, declarando o seu amor pola literatura e admiración polas mulleres do seu pobo.

Esta representación está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic e as entradas, ao prezo de 3,50 euros, xa se poden reservar nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981 762 294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin (muros.gal).

A concelleira de Cultura de Muros, Mayka González, anima a todos os muradáns a gozar con esta intensa sesión de teatro, “nunha das últimas oportunidades para gozar do bo facer de Teatro do Atlántico antes de desaparecer, a finais deste ano. Unha compañía referente do teatro galego, integrada por dous grandísimos profesionais: Xulio Lago e María Barcala”, dixo. m. c.