Licitada a obra de reparación do viaduto de Pontenafonso

A intervención contará cun investimento de 702.000 € // Con estas melloras tratan de garantir a súa conservación
Infraestructuras
María Cano
Trenor, centro, entre os alcaldes de Noia e Outes onte durante a visita á ponte. Foto: Xunta

O proxecto de mellora do viaduto medieval de Pontenafonso está cada vez máis preto de se executar. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, realizaron onte unha visita á ponte coincidindo coa licitación das obras, por importe de 702.000 euros, para a reparación e posta en valor desta emblemática infraestrutura por parte da Xunta de Galicia. Á visita tamén asistiu o alcalde de Outes, Manuel González, así como concelleiros de ambos municipios.

O delegado territorial salientou que se trata dunha actuación integral para mellorar a seguridade da ponte e garantir a súa conservación, que contará cun investimento autonómico global de 707.000 euros, tendo en conta as actuacións de vixilancia ambiental e o seguimento e control arqueolóxico.

Gonzalo Trenor lembrou que o viaduto é un ben catalogado patrimonialmente, situado entre os municipios de Outes e Noia, na estrada autonómica AC-196. Dado o seu valor histórico as obras previstas consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente porque se atopan en mal estado.

Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores da pasarela coa fin de mellorar o seu aspecto estético eliminando os elementos daniños da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

Por outra banda, o proxecto contempla dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Tamén está previsto que se coloquen paneis informativos e carteis de localización.

O representante da Xunta destacou a importancia deste tipo de actuacións nas pontes porque “as rehabilitacións integrais prolongan a súa vida útil e poñen en valor o que son xa elementos representativos do patrimonio e da historia dos concellos galegos”.

As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o día 31 de marzo para presentar as súas ofertas.