Lousame aprobou un orzamento que destina a gasto social o 27 por cento dos 3,1 millóns

Orzamentos 2022
ECG
As contas foron aprobadas cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do representante do BNG.

Lousame. O pleno de Lousame aprobou o pasado venres, en sesión extraordinaria e urxente, os Orzamentos Municipais para 2022, que suman 3.160.238,71 €. Unhas contas que foron aprobadas cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do representante do BNG. A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que se trata dun “orzamento garantista e realista, cun esforzo moi importante en Servizos Sociais” e que cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, límite de débeda e incluso coa regra de gasto, pese a non ser obrigatoria este ano. “O 27 % vai para gasto social, un 4 % máis ca no exercicio anterior”, sinalou.

No que atinxe aos investimentos reais, o capítulo VI suma 583.989 €, dos que case 192.000 serán investidos en catro proxectos de pavimentación en Camboño, do interior da aldea vella de Gandarela, dos viarios do núcleo de Badueles e os accesos a Burzó e á costa da Escabia.

O gasto de persoal do Concello de Lousame en 2022 será de 1.086.763 euros mentres que o gasto corrente medrará ata os 1.252.468€, dos que máis de 520.000 € serán destinados a asistencia social primaria e 128.000 a alumeado público. cg