Lousame clausurou os seus campamentos cunha xornada de piragüismo

Campamentos
M.C.
Os máis pequenos montaron no Barco Dragón. Foto: Concello

LOUSAME. O Concello de Lousame vén de clausurar os seus Campamentos de

Verán, que reuniron a máis de 100 nenos e nenas, de idades entre 6 e 14 anos e que tiveron lugar do 11 ao 15 de xullo. Uns campamentos que recuperaron as actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza prepandemia, como as saídas á piscina, a excursión ao Aquapark de Cerceda, os inchables, o tiro con arco, a Festa da Escuma, holy race, a velada nocturna, zumba ou a gran festa de despedida.

Entre as novidades deste ano estivo a última actividade levada a cabo: unha saída ao Barco Dragón, organizada en colaboración co Club de Remo Taxamar de Outes e coa Federación Galega de Piragüismo. Así, a rapazada desprazouse en dous autobuses ata as instalacións do club en Outes, dende onde os adultos desfrutaron das súas propias piraguas, mentres que os máis pequenos se montaban en grupos de vinte nenos e nenas no Barco Dragón, que está deseñado especialmente para este tipo de actividades, xa que non pode envorcar.

A concelleira de Xuventude e Voluntariado, Silvia Agrafojo, agradeceu unha vez máis “a colaboración do voluntariado xuvenil, sen cuxa participación sería imposible desenvolver este tipo de actividades”. m. c.