Lousame dá a coñecer o seus proxectos de voluntariado en Galicia

Outeiral presentou as iniciativas na mesa redonda dun congreso autonómico en Lugo
Voluntariado
M.C.
José Manuel Outeiral xunto ás dúas voluntarias europeas, Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas. Foto: C. L.

Lousame. O técnico coordinador do Voluntariado municipal de Lousame, José Manuel Outeiral, vén de participar como poñente no VII Congreso Galego de Voluntariado, celebrado a pasada semana no Pazo de Sober (Lugo) e organizado pola Consellería de Política Social e Xuventude. José Manuel Outeiral tomou parte na mesa redonda titulada Proxectos innovadores no ámbito da acción voluntaria, no que presentou os distintos proxectos que se están levando a cabo con éxito no municipio en materia de voluntariado xuvenil, de adultos e europeo.

“O Concello de Lousame foi un dos primeiros concellos de Galicia que implantou o voluntariado e está levando nos últimos anos diferentes proxectos de voluntariado xuvenil e sénior. Ademais é unha das poucas entidades municipais que desenvolve hoxe en día proxectos de voluntariado europeo”, destacou o técnico municipal, quen acudiu ao evento acompañado polas dúas voluntarias europeas, Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.

Outeiral explicou que a través deste encontro “se pretendía trasladar a forza que ten a acción voluntaria para mellorar a realidade e animar a todas as persoas a sumarse a actividades solidarias. Algo do que somos plenamente conscientes en Lousame, pois a participación do voluntariado é fundamental á hora de poder realizar múltiples actividades”. Neste sentido, lembra que “Lousame é o único concello do Barbanza que leva conxuntamente programas de voluntariado xuvenil, sénior e europeo á vez”. m. c.