Lousame dóalle un flightcase á Cruz Vermella da vila de Noia

Cruz Roja
M.C.
Villaverde, centro, xunto a membros de Cruz Roja Noia. Foto: C. L.

Lousame. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, vén de entregarlle á Cruz Vermella de Noia un flightcase para o traslado seguro dos dispositivos médicos dos que dispón a asociación. “É un agradecemento pola colaboración que sempre temos por parte da Cruz Vermella de Noia nas distintas actividades que celebramos ao longo do ano e que nos permiten garantir a cobertura sanitaria das persoas que participan nelas”, explicou a rexedora.

A entrega tivo lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, aproveitando a colaboración realizada pola Cruz Vermella de Noia tanto no Pequetrail (con 5 voluntarios, un vehículo 4 por 4 e un vehículo de intervención rápida) como no Trail Lousame 2022 (con 8 técnicos, 4 socorristas, un vehículo de intervención rápida, un vehículo de apoio sanitario, un vehículo de rescate 4 por 4 e un vehículo de apoio loxístico).

O flightcase é un embalaxe moi resistente e duradeiro axeitado para o transporte e almacenamento de equipos e dispositivos sensibles ou fráxiles, como os de electromenciña dos que dispón a entidade. Está fabricado con perfiles de aluminio e esquineiras metálicas para garantir a máxima protección e resistencia, e tamén dispón de rodas. m. c.