Lousame e Rianxo van camiñar por boas causas

Solidariedade
María Cano
Imaxe da andaina celebrada en Lousame no 2019. Foto: C. L.

Lousame. O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte abriron as inscricións na quinta edición da Andaina Solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e a terceira edición do Pequetrail, que terán lugar na mañá do sábado 18 de decembro no espazo natural de San Lourenzo (Tállara). A inscrición no Pequetrail é gratuíta, mentres que a da andaina ten unha cota de 6 euros, que serán doados a ASGPOH. Ambas as dúas están abertas en www.emesports.es.

O concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez, anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa solidaria xa que “aínda que por mor da covid decidimos establecer un máximo de 400 persoas participantes, tamén hai dispoñible un Dorsal 0 para quen queira colaborar na recadación de fondos para a investigación desta enfermidade rara e non queira, ou no poida, vir presencialmente”.

asanog. Tamén Rianxo acollerá o vindeiro 6 de novembro unha andaina solidaria a favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog). As inscricións están abertas e aqueles que desexen participar poden anotarse a través da páxina emesports.es/eventos. m. c.