Lousame mellora a pista polideportiva de Vilacoba

Instalacións deportivas
Marta Torres
Pista polideportiva de Vilacoba.

LOUSAME. O Concello de Lousame está a investir 25.000 euros no acondicionamento da pista polideportiva existente en Vilacoba. Unhas obras que están sendo executadas pola empresa Pavimentos Noia, Obras y Contratas S.L. e que están financiadas pola administración local, que conta cunha achega da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. Nestes días procedeuse á reparación do pavimento nas zonas danadas, así como á limpeza da superficie de formigón mediante a aplicación de lanza de auga a presión. Así mesmo, a empresa adxudicataria colocou 612 metros cadrados de peche de malla galvanizada de 4 metros de alto, incluídas portas de acceso e retirada do peche existente, que se atopaba nun estado moi deficiente. Tras a marcaxe e sinalización dos campos seguindo as normas da Federación Española, agora instalaranse porterías de fútbol-sala, postes e rede de tenis e dúas canastras. m. t.