Lousame pide máis medios ante a oleada de roubos

Villaverde solicitou unha reunión co delegado do Goberno en Galicia // Transmitiu a inseguridade que senten os veciños
Robos
María Cano
Accesos á localidade de Abelendo, na parroquia de Tállara. Foto: Concello de Lousame

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, fixo este venres un chamamento ás forzas de seguridade “a incrementar a vixilancia nesta zona porque xa non podemos agardar máis”. Explicou que “os medios que temos son insuficientes” e “como alcaldesa e como veciña teño a obriga de evitar que nos sintamos inseguros e esteamos con medo nas nosas propias vivendas”.

Por iso, a rexedora lousamiá vén de enviarlle unha petición de reunión co delegado do Goberno en Galicia “para que tome conciencia do que está a suceder aquí” e coñeza “a inseguridade que están sentindo os veciños preto das súas vivendas”. Neste sentido, Teresa Villaverde lembrou que “levamos xa un tempo que hai pequenos e non tan pequenos roubos”.

Todo comezou con furtos repetitivos de gasóleo nos vehículos públicos e noutros que aparcaban nas proximidades do Concello, en Portobravo. A principios do verán, roubouse o remolque do Concello e ese mesmo día “un chalé nas inmediacións que estaba recén construído e que acababan de amoblar e de poñerlle os electrodomésticos, baleirárono totalmente”.

A partir de setembro, os roubos trasladáronse á parroquia de Tállara onde, a mediados de mes roubaron nun estanco, onde se levaron todo o tabaco e elementos de valor que estaban á venda. Tamén entraron en varias igrexas, forzando algunhas fiestras para ver se había cartos.

Así, na madrugada do 11 ao 12 de outubro, descoñecidos entraron nunha vivenda de Tállara mentres a súa propietaria durmía na súa habitación. “Espertou e tiña o armario coas cousas ciscadas polo chan, os caixóns baleiros e ata a mesiña de noite. Roubáronlle cartos e pertenzas de valor”, relatou a alcaldesa.

Dende o goberno local indicaron que a Garda Civil xa está facendo as investigacións pertinentes, pois hai cousas especialmente chamativas como o feito de que a veciña de Tállara tiña unha alarma moi completa pero estaba desactivada de dous días atrás.

“Despois de oír no Día da Hispanidade discursos de que tiñamos moitos máis efectivos, eu quero ver esa xente neste concello porque o necesitamos”, concluíu a alcaldesa de Lousame.