Teñen unha duración dunha hora e poden programarse calquera día da semana // Permiten mergullarse na historia deste xacemento mineiro // Ao longo de 2020 este espazo recibiu máis de mil visitantes a pesar da pandemia TEXTO Marta Torres

Lousame retoma as visitas guiadas á mina de San Finx

Cultura
Marta Torres
Conta cun museo que permite viaxar no tempo. Foto: C. L.

As minas de San Finx son unha oportunidade única para viaxar ata o pasado de Lousame. O Concello vén de informar de que retoma as visitas guiadas programadas ao seu museo despois de varios meses sen actividade polas restricións sanitarias a causa da pandemia da COVID, para que todas aquelas persoas que o desexen poidan mergullarse na historia deste xacemento mineiro.

Segundo sinalaron fontes municipais, os percorridos teñen unha duración aproximada dunha hora e poden programarse calquer día da semana en función da dispoñibilidade e das reservas realizadas previamente por outros grupos. As persoas interesadas nesta actividade poden chamar para reservar ao número de teléfono 981 820 494 ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo museominasdesanfinx@gmail.com.

A concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, sinalou que “a volta destas visitas é froito da nosa aposta por seguir desfrutando da cultura nunha contorna segura dende a perspectiva sanitaria”.

Dende este momento xa se poden realizar reservas para as visitas guiadas para grupos, que en ningún caso poderán superar o número máximo permitido polas autoridades sanitarias en función da evolución da pandemia. Así, a cifra permitida actualizarase constantemente de acordo coas medidas establecidas polos executivos autonómico e estatal.

Cómpre destacar que este recinto mineiro é un dos lugares máis visitados da localidade. Sen embargo, no último exercicio o museo das minas de San Finx permaneceu pechado ao público durante longos períodos, primeiro entre marzo e xullo e posteriormente dende o mes de novembro ata agora, porén recibiu 1.193 visitantes ao longo do 2020.

O mes de setembro foi no que máis persoas visitaron este enclave turístico, chegando a contabilizarse un total de 480 visitantes. No mes de agosto foron 361 persoas as que se inscribiron nas visitas guiadas mentres que no mes de outubro foron 187 turistas e en xullo 61. Antes da pandemia, entre xaneiro e marzo, contabilizáronse 104 visitantes.

As minas de San Finx representan un espazo único, no que se pode desfrutar da paisaxe e afondar na historia da poboación lousamiá, estreitamente vinculada á minería. No museo móstrase a vida da cidadanía mineira desta zona entre finais do século XIX e mediados do XX.

historia O xacemento mineiro de San Finx está presente na historia universal da minería desde a Idade do Bronce, cun papel esencial no comercio dos fenicios.

Na baixa Idade Media segue constatándose a explotación do estaño, probablemente destinado aos talleres de ourives de estaño e prata en Santiago de Compostela. Pero é a finais do século XIX cando San Finx adquire maior relevancia histórica, coa creación da sociedade de capital británico The San Finx Tin Mines Limited: a primeira explotación de volframio iniciada en España e unhas das primeiras de Europa. A factoría dispoñía das instalacións técnicas máis avanzadas e chega a darlles traballo a unhas catrocentas persoas.

En 1940, a mina pasa a ser propiedade da empresa de capital español Industrias Galegas S.A. E na II Guerra Mundial, coa chamada febre do volframio, San Finx convértese nun foco industrial de interese estratéxico. Tras a guerra, a produción normalízase, manténdose ata os anos 90, cando se suspende a explotación.

No 2007, a Corporación de Lousame acorda aceptar a cesión feita polo propietario da mina e pasa a ser de titularidade municipal, procedendo á posta en valor deste espazo.