Lousame saca adiante unha declaración contra a guerra

Declaración institucional
M.C.
Imaxe da última sesión plenaria celebrada en Lousame. Foto: C.

Lousame. O Concello de Lousame celebrou o pasado venres unha sesión atípica, presidida polo primeiro tenente de alcaldesa, Ramón Martínez. Así, a parte resolutiva foi aprobada e sen debate, na que se incluían dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para o pago de facturas e a prescrición de obrigas recoñecidas.

O debate xurdiu na quenda de mocións. Ramón Martínez deu lectura ao que pretendía ser unha declaración institucional contra a guerra da Ucraína. Nela o Concello mostrábase “a favor da resolución pacífica do conflito”, recollía o apoio á OTAN e manifestaba o seu compromiso “cos principios democráticos e de protección dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución Europea”.

Estes dous últimos puntos motivaron unha emenda á totalidade do concelleiro da formación frentista, Anxo Moledo. “O BNG defende o non á guerra, o non a todas as guerras” pero “non podemos estar a favor da OTAN”, afirmou. Finalmente, a emenda foi rexeitada cos votos en contra de populares e socialistas.

Sen embargo, a votación do texto orixinal tamén foi aprobado co respaldo do PP e PSOE e o voto en contra dos nacionalistas. m. c.