A partir de 2020 o departamento de Cultura apostou polos recursos dixitais para chegar ao público // Crearon numerosos contidos gratuítos que foron difundidos a través da web, dos perfís en redes sociais e da app do Concello TEXTO Marta Torres

Lousame sobe a cabalo das novas tecnoloxías polo virus

Novas tecnoloxías
Marta Torres
Lousame mantivo a súa actividade cultural cunha firme aposta polos recursos dixitais e polo uso das novas tecnoloxías da información. Foto: P.

Adaptarse ou morrer. Iso debeu pensar o Concello de Lousame ao longo do pasado ano, no que mantivo a súa actividade cultural cunha firme aposta polos recursos dixitais e polo uso das novas tecnoloxías da información. A concellaría de Cultura elaborou un informe sobre as actividades organizadas e executadas dende este departamento, que se adaptou ás circunstancias sociais derivadas da pandemia da covid para xerar contidos para o público familiar. Así, en 2020 creáronse numerosos recursos gratuítos que foron difundidos a través da web municipal, dos perfís en redes sociais e da app do Concello.

Dende estas canles difundíronse e promocionáronse eventos culturais dixitais, acceso a museos, concertos, sesións de ballet, conferencias e charlas, cursos formativos sobre diferentes temáticas, acceso a libros e audiolibros, xogos populares, actividades para nenos e nenas, creatividade, idiomas e vídeos editados polo Concello.

Asemade, no pasado exercicio adquiríronse novidades bibliográficas e melloráronse as coleccións da biblioteca municipal, realizáronse actividades de dinamización da lectura, e desenvolvéronse programas da Rede Cultural: maxia, lingua a escena, escena ao vivo, visións, teatro, alicerce e monicreques.

Durante o mes de agosto levouse a cabo o campamento para nenos e nenas lousamiás, Infantilandia, e dende ese mes ata outubro houbo sesións de autocine, espectáculos de teatro e concertos.

Pola súa banda, as asociacións culturais locais Son do Pote, Prudencio Romo e C.L.D. tamén recibiron subvencións durante este período para manter a súa actividade.

Co obxectivo de facilitar a situación do confinamento aos máis cativos, dende o departamento de Cultura puxeron en marcha un sistema para felicitarlles o aniversario dixitalmente. Así, todos aqueles nenos e nenas que estiveron de aniversario durante ese período recibiron tarxetas personalizadas e, incluso, vídeos de felicitación.

Tamén o Día das Letras Galegas do 2020 foi atípico e moi diferente aos celebrados nos últimos anos, pero dende a administración local quixeron manter o seu compromiso coa cultura, polo que deseñaron diferentes recursos sobre as figuras de Carvalho Calero e Cernadas. Por tanto, en redes sociais compartiron a biografía, obra e o epistolario de Carvalho Calero, e compuxeron unha unidade didáctica para que a rapazada puidese aprender máis sobre a súa figura dende unha perspectiva lúdica. Ademais fíxoselles chegar un libro dos Bolechas e proxectouse en redes un contacontos en directo.

Un novo modo de manter as iniciativas culturais que parece que chegou para quedarse por un tempo, pois este ano o Concello lousamiá celebrou algúns actos e festas previstas a través da canle dixital. Así, o pasado mes de febreiro, con motivo do Entroido e do Día da Muller, lanzou un novidoso certame que se desenvolveu de xeito on line.

De modo pasaxeiro ou non, os executivos municipais están a aproveitar as posibilidades que aportan as ferramentas dixitais, fundamentais en tempos pandémicos.