Lousame vai pechar o seu Festimaxia co Mago Vituco

Maxia
M.C.
Poñerá en escena o espectáculo ‘One man show’. Foto: C. L.

Noia. O Concello de Lousame abre o prazo de inscricións para o espectáculo One man show, do Mago Vituco, que pechará a edición de 2022 do Festimaxia. Será o domingo 27 de novembro, ás 18.00 horas, na casa da cultura. A entrada é de balde, se ben haberá que reservar entrada en www.bandoticket.com.

A sétima edición do Festimaxia Lousame, que se celebra ao longo deste mes, incluíu unha programación variada, con magos de renome que fixeron desfrutar ás familias do municipio. “Buscamos unha diversidade para atopar espectáculos de maxia moi diferentes entre si, pero dirixidos a un público familiar”, dixo ao respecto a edil de Cultura, Silvia Agrafojo. Así, sobre o escenario lousamián actuaron dous magos galegos, Teto e Vituco, e outros dous de fóra da Comunidade: Patri Zenner e Víctor Cerro.

A maiores, cómpre lembrar que a sala de exposicións da casa da cultura lousamiá acolle durante o mes de novembro unha exposición de carteis antigos de maxia, composta por sesenta carteis de antigos espectáculos achegados polo Mago Teto.

A sétima edición do Festimaxia Lousame 2022 está organizada polo Concello lousamián en colaboración coa Deputación da Coruña. m. c.