Lousame vén de aprobar
a Relación
de Postos de Traballo

Ademais, deu luz verde ó cambio na forma de xestión do Servizo
de Axuda no Fogar
Política municipal
M.C.
Un momento da sesión plenaria celebrada en Lousame. Foto: C. L.

Lousame. A unanimidade foi a protagonista da sesión plenaria ordinaria de maio do Concello de Lousame, xa que todas as propostas saíron adiante co apoio dos tres grupos políticos municipais. Así, o pleno aprobou de forma definitiva a Relación de Postos de Traballo do Concello de Lousame, resolvendo as alegacións presentadas.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que se decidiu desestimar unha alegación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia por ser unha alegación-tipo que se está a presentar en todos os concellos, pero que se atendeu a reclamación das traballadoras do centro de día de Lousame para incluílas na RPT.

O proceso de estabilización de emprego laboral no municipio afectará a 23 persoas, que pasarán a ter os mesmos dereitos e obrigas que o persoal funcionario. No caso dos soldos, aqueles que teñan que reducir as súas retribucións farano en 2022, mentres que no caso de subida estes acometeranse de forma progresiva entre 2022 e 2025, cun 16 % no primeiro exercicio e un 28 % nos seguintes.

Así mesmo, aprobouse inicialmente o cambio na forma de xestión do Servizo de Axuda no Fogar, modalidade de libre concorrencia. “Constituíuse un comité de expertos que preparou unha memoria que se presenta agora a pleno”, indicou Villaverde.

Finalmente, a rexedora deu conta do período medio de pago do primeiro trimestre, que ascende a 36,1 días. “Temos que melloralo, aínda que non está sendo doado”, concluíu a munícipe. m. c.