Mar renovará o pavimento dos pantaláns mexilloeiros no porto da vila rianxeira

Investirán 310.000 € nunhas obras que buscan mellorar as condicións de traballo
Portos
Marta Torres
Lenguas, primeiro plano, este xoves en Rianxo. Foto: Xunta

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 310.000 euros nas obras de renovación do pavimento dos pantaláns mexilloeiros do porto de Rianxo co obxectivo de mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade nestas instalacións. Así o anunciou este xoves a presidenta do ente público, Susana Lenguas, durante unha visita á localidade para comprobar outras actuacións desenvolvidas polo ente público no peirao e na que mantivo un encontro con representantes do sector profesional da zona.

Esta mellora enmárcase nun proxecto construtivo conxunto do que se beneficiarán outros nove portos galegos -Baiona, Cesantes, Moaña, Cangas, Bueu, Porto do Son, Tragove (en Cambados), O Xufre (na Illa de Arousa) e Vilaxoán- que está en proceso de licitación por un importe de máis de 1,2 millóns.

Segundo explicaron dende o Executivo autonómico, o obxectivo dos traballos é substituír o pavimento actual dos pantaláns por madeira tecnolóxica que evite os esvaróns, reduza os custos de mantemento, aumente a súa duración e evite outros danos derivados da degradación. A maiores, realizaranse actuacións puntuais para mellorar a seguridade dos usuarios e das propias instalacións.

Cómpre destacar que a renovación do pavimento sumarase a outras melloras xa realizadas nos últimos meses pola Xunta de Galicia no porto de Rianxo co obxectivo de modernizar as instalacións e darlles maior seguridade e accesibilidade.

Así, levouse a cabo a renovación e ampliación do pantalán de profesionais de 3ª lista coa instalación de 77 novos fingers que habilitan máis de 170 prazas de amarre, implantáronse novos pilotes, escaleiras abatibles e unha baliza ao final do pantalán, así como un novo sistema de apertura das portas e torres intelixentes de subministración de enerxía, cun investimento total próximo aos 250.000 euros.

A estas actuacións engádense as obras de construción de 24 novos departamentos para usuarios do sector profesional deste porto, iniciadas o ano pasado e cun investimento público de dous millóns de euros.

Sen saír da comarca, cómpre resaltar tamén as melloras que se prevén executar no porto de Portosín (Porto do Son), ou as realizadas no Freixo (Outes) e Testal (Noia).