Incluirán os traballos a renovación integral de pavimentos, dotación de servizos básicos e sistema de apertura de portas co teléfono móbil // Beneficiarán a 260 barcos TEXTO M. Torres

Mar vai levar a cabo melloras en fingers e pantaláns en Testal

El Correo Gallego
Santiago Cruz, pola esquerda, Adelino Freire, Quintana, Santiago Freire e Daniel Formoso, onte durante a visita ao porto noiés de Testal. Foto: X.

Froito das demandas transmitidas á Xunta por parte da confraría de pescadores de Noia, a Administración galega realizará melloras no porto de Testal. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten aberto o proceso de licitación para a contratación das obras nas instalacións aboiantes deste porto, unha actuación que beneficiará a máis de 260 embarcacións pesqueiras. Así o anunciou onte a titular de dito departamento autonómico, Rosa Quintana, durante unha visita á localidade noiesa, na que estivo acompañada pola presidenta do citado ente público, Susana Lenguas.

Segundo explicou Quintana, as reformas levaranse a cabo en pantaláns, fingers e pasarelas e os traballos saen a licitación cun orzamento de 450.000 euros. A obra contempla, entre outras actuacións, a renovación integral do pavimento do pantalán, substituíndo o actual por madeira tecnolóxica; tamén se habilitarán os servizos básicos de alumeado e subministro de auga e sanearanse e pintaranse os pilotes.

Asemade, o proxecto de mellora das estruturas aboiantes inclúe a implantación dun sistema electrónico de control de acceso ós pantaláns para reforzar a seguridade da frota, co que a apertura e peche destas portas controlarase por parte dos usuarios a través dos seus teléfonos móbiles. Finalmente, tamén para reforzar a seguridade no porto, balizarase a punta da liña de pantalán.

En canto aos prazos, a conselleira sinalou que estas intervencións contan cun período de execución previsto de 4 meses desde a súa contratación e especificou que rematou recentemente a presentación de ofertas con 10 propostas rexistradas.

Ademais de dar resposta ás necesidades do sector pesqueiro, Rosa Quintana destacou que con este tipo de actuacións a Xunta busca facer as zonas costeiras máis atractivas tanto para os veciños como para os visitantes, un obxectivo que concorda con outras accións realizadas polo Executivo autonómico na zona, como o acondicionamento da lonxa de Testal cun orzamento de máis de 560.000 euros e que consistiu na mellora do pavimento interior da sala de poxas, nas cubertas e nos canlóns e baixantes. Tamén se realizaron traballos de mellora da eficiencia enerxética, do alumeado interior e do portal de acceso e creouse unha zona para os visitantes.

Resaltar que estes equipamentos favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade na rula e no porto. Son importantes para Testal, que destaca pola súa achega ó marisqueo de Galicia co berberecho como especie estrela.