Misela recibe 47.000 euros para desenvolver un programa de atención temperá no centro

Política social
Marta Torres
González coñeceu o traballo que levan a cabo na entidade. Foto: Xunta

Noia. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou este xoves as instalacións da asociación de persoas con discapacidade Misela, emprazado na localidade coruñesa de Noia. Alí, destacou que a Xunta de Galicia achega, grazas á liña de axudas do 0,7 % do IRPF, preto de 47.000 euros para a posta en marcha dun programa de atención temperá dirixido a nenos de 0 a 16 anos.

Asemade, o Goberno galego vén de financiar catro novas prazas no centro ocupacional da entidade, cun custo de 40.000 € anuais. Deste xeito, destinan 194.000 € a financiar 15 prazas do centro ocupacional e oito no centro de día de Misela.

Fernando González Abeijón percorreu as citadas instalacións e salientou o labor que alí se leva a cabo diariamente para a mellora da autonomía e da calidade de vida das persoas con discapacidade.

En Misela realízanse actividades que axudan a avanzar no desenvolvemento social e persoal mediante a combinación de iniciativas rehabilitadoras e o traballo diario en grupo. Ademais, conta con outros servizos de gran importancia, como a fisioterapia ou a psicoloxía. m. t.