Monbus propón reestruturar os servizos para reducir tempos

Transporte urbano
Marta Torres
Oujo, á dereita, e Ruiz, co presidente de Monbus e un directivo desta firma, nunha reunión en Ribeira. Foto: C. R.

Ribeira. A Xunta abordou este mércores cos alcaldes da comarca do Barbanza o reforzo dos servizos de autobús que conectan a bisbarra con Santiago de Compostela. Durante o encontro, a empresa trasladou unha proposta de reestruturación dos servizos para reducir os tempos de viaxe entre Ribeira e a capital de Galicia nas franxas horarias de maior demanda.

Segundo avanzaron, a configuración deseñada baséase na creación dunha liña express que prestaría servizos directos entre a comarca e Santiago, empregando a Autovía do Barbanza e a AP-9.

Esta proposta prevé unha rede de servizos de tipo lanzadeira que permitirían tanto os desprazamentos entre as distintas localidades, como acceder ás expedicións directas. As conexións con esta liña efectuaríanse a través dun transbordo nunha nova parada localizada nas inmediacións da saída A-23 da AG-11.

Por outra banda, na reunión tamén se expuxo a posibilidade de prolongar as expedicións durante a tempada lectiva ao Campus da USC, o que suporía unha mellora da calidade do servizo para os universitarios.

Ademais analizáronse as demandas dos usuarios da comarca, trasladadas polos alcaldes, centradas na información sobre os horarios. A este respecto, acordouse que a empresa reforzaría a información de liñas e horarios nas paradas físicas, comprometéndose a remitir dita información ós concellos para unha maior difusión. m. t.