Mostra retrospectiva de Soky no Lustres Rivas

Exposición
M.C.
A exposición poderá visitarse en Ribeira ata o día 30. Foto: C.

RIBEIRA. O centro cultural Lustres Rivas de Ribeira alberga ata o día 30 de xullo unha nova mostra para disfrute dos afeccionados ás artes pictóricas. Trátase dunha retrospectiva de Soky Díaz, artista que recala por segunda vez no municipio. A exposición inaugurada o pasado venres polo edil Ramón Doval recolle a través de case trinta obras a temática principal da artista así como a súa evolución creativa cara unha inesgotable busca da beleza. Os visitantes poderán mergullarse en paisaxes nos que a cor e a luz cobran protagonismo, mariñas coa mirada posta no Atlántico, bodegóns que irradian serenidade ou retratos preñados de intimismo e forza expresiva.

Doval, quen explicou que esta é unha das primeiras accións da Fiestra da Cultura de Ribeira, destacou a forza colorista da paleta e a liberdade das pinceladas de Soky, quen pasou os seus primeiros dezasete anos no Rosal, onde naceu o seu interese pola pintura e a creación. No nome da artista tomou a palabra a súa filla, Pilar, quen recordou que esta exposición estaba programada para o 2020 (a pandemia obrigou a postergala) e significou a cor, enerxía, harmonía, musicalidade e luz que desbordan os lenzos que forman parte da mostra.

A exposición poderá visitarse de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. m. c.