Muros apoia ós veciños afectados polo cambio de titularidade dos bens do litoral de Esteiro

Pleno
M.C.
Afecta a propietarios de vivendas e terreos na zona da Ribeira do Maio e O Artón. Foto: Concello de Muros

Muros. Nos últimos días, propietarios de vivendas e terreos da zona da Ribeira do Maio e O Artón, en Esteiro, están a recibir notificacións catastrais de subsanación de discrepancias para alterar as titularidades das súas propiedades, que, segundo ditas notificacións, pasan a ser da titularidade do Ministerio de Transición Ecolóxica. Dende o Concello de Muros consideran estas notificacións “improcedentes, posto que toda esa zona é obxecto dun proceso de desafectación, iniciado no ano 2001, e que conta con informe favorable da Demarcación de Costas de Galicia”, explicaron ó respecto.

Na proposta do PP aprobada no pleno de setembro, a Corporación muradana acordou “mostrar o noso apoio ao colectivo de veciños afectados por estas notificacións do Ministerio de Facenda”. Asemade, dende o Concello anuncian que farán “todas e cada unha das actuacións necesarias para conseguir a modificación da liña de servidume de Costas nese lugar e demais trámites necesarios para que os propietarios dos inmobles alí existentes consigan documentar e inscribir os seus bens tal e como están actualmente no Rexistro da Propiedade”. m. c.