Enmárcanse no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta // Trátase dun concerto, dunha peza teatral e do ciclo de relatorios de mulleres que traballan no eido da cultura // Foron presentadas onte por Valentín García TEXTO Marta Torres

Muros é centro de tres accións de dinamización lingüística

Marta Torres
Pola esquerda, Hermida, García, Monteagudo e Pérez, onte durante a presentación das actividades. Foto: C. M.

O Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos de crise sanitaria provocada pola Covid-19 posto en marcha pola Xunta motivou onte a visita a Muros do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ata alí se desprazou para participar na rolda de prensa celebrada no salón de plenos do Concello para presentar tres actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que se desenvolverán na vila muradá. No acto estivo acompañado pola alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, e mais por Pablo Pérez e Patricia Hermida, das empresas Repica Cultural e Dotbeat SC, respectivamente, xestoras de dúas das propostas.

Durante a súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que “trátase de actividades variadas e complementarias que responden ao dobre obxectivo de dinamizar a lingua galega entre a poboación e de apoiar ó sector cultural”. Especialmente, tal e como incidiu Valentín García, nestes momentos tan difíciles para aqueles artistas, cooperativas ou empresas que traballen habitualmente ou desexen empezar a traballar na lingua propia de Galicia.

Así, a primeira das accións previstas en Muros no marco do citado programa tivo lugar onte mesmo. Veciños e foráneos desfrutaron ao final da tarde da actuación que a artista Sofía Espiñeira e o grupo Caldo ofreceron no Curro da Praza. Baixo o título Enraizada presentaron un concerto que sitúa a cultura popular e a lingua galega no centro para ofrecerlle ao público unha viaxe pola Galicia máis íntima.

Xa os días 2 e 5 do vindeiro mes celebraranse no centro cultural da vila, ás 12.30 horas, dous relatorios do ciclo Onde están as mulleres da cultura. Nel presentaranse experiencias motivadoras de mulleres que traballan no eido cultural (literatura, artes plásticas, danza, música ou audiovisual) na procura da xeración de referencias reais, co obxectivo de promover en Muros o debate sobre o traballo e o éxito da muller neste ámbito e máis os desafíos aos que se enfronta na época actual. As sesións, segundo sinalaron dende o Concello, serán gravadas para a súa difusión posterior e inclusión no Fondo de Proxectos Culturais.

A seguinte está fixada para o 3 de outubro, ás 21.30 horas, nas citadas instalacións municipais. Nesa ocasión, serán Marián Bañobre e Avelino González, de Ibuprofeno Teatro, as encargadas de interpretar O mel non caduca, unha traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que se desenvolve no universo metafórico da apicultura para mostrar un mundo á deriva froito do consumo masivo e sen control.

Trátase dun espectáculo dirixido ao público adulto, cunha sorprendente dimensión plástica e sonora, que toma elementos do teatro xestual da imaxe, do clown, da narración ou do realismo. Todo iso en clave cómica, empregando a ironía e o humor, en múltiples e diferentes formas. Debido ás circunstancias extraordinarias derivadas do coronavirus e dos protocolos de seguridade e garantías sanitarias, o acceso ás actividades é restrinxido.

Para participar, cómpre reservar entrada previamente chamando ó teléfono 981 762 294 na mesma semana da celebración da actividade.