A fábrica de Sel acolle a mostra ‘Artcycling co lixo do mar’, composta por creacións elaboradas a partir de refugallos recollidos no litoral // A Xunta destaca que os profesionais son aliados esenciais para garantir a sustentabilidade TEXTO M. Torres

Muros e O Pindo, dúas confrarías comprometidas co medio mariño

Exposición
Marta Torres
No centro da imaxe, Rodríguez, Quintana e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, na inauguración da mostra na fábrica de Sel. Foto: Xunta de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou este venres na inauguración da exposición Artcycling co lixo do mar, elaborada con creacións a partir de refugallos recollidos na costa, onde salientou o compromiso e a implicación constante de confrarías como as de Muros e O Pindo (Carnota) no coidado do mar mediante distintas accións como a retirada dos residuos que os seus profesionais atopan no litoral.

A exposición forma parte do proxecto de recollida de lixo mariño aprobado ás dúas entidades no marco do Plan Marlimpo da Xunta e que conta cun apoio próximo aos 150.000 euros para accións a desenvolver entre os anos 2021 e 2023. De feito, a mostra está composta por pezas elaboradas pola asociación Mar de Fábula empregando como base os refugallos recollidos polos profesionais do marisqueo a pé na costa das súas zonas de influencia.

Durante a súa intervención, a titular do Mar animou ao conxunto do sector marítimo-pesqueiro a seguir apostando por este tipo de iniciativas que xa lle valeron a Galicia distintos recoñecementos internacionais. De feito, o Parlamento Europeo puxo en marzo do ano pasado o Plan Marlimpo e o proxecto CleanAtlantic como exemplos de boas prácticas ao converterse os profesionais do mar en aliados esenciais para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños da comunidade.

A representante do Executivo autonómico, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, lembrou que Galicia realizou en 2020 a primeira convocatoria de axudas para a recollida de lixo mariño por parte dos pescadores e mariscadores e que nas primeiras dúas convocatorias se aprobaron un total de trece proxectos cun importe de axuda próximo aos 620.000 euros. Entre os anos 2020 e 2021 as accións desenvolvidas permitiron retirar da costa preto de 120 toneladas de residuos coa participación de máis de cincocentas persoas.

A estes resultados haberá que sumar os dos proxectos aprobados na convocatoria de 2021 que teñen continuidade en 2022 e os das iniciativas que se desenvolvan ao abeiro da convocatoria deste ano, que conta cun orzamento dun millón de euros a repartir entre o presente exercicio (600.000 euros) e 2023 (400.000 €).

Cómpre informar que a exposición Artcycling co lixo do mar, que se pode visitar durante o mes de xullo en horario de mañá na antiga fábrica de Sel, está composta por pezas elaboradas pola asociación Mar de Fábula a base de refugallos atopados no litoral. Indicar que para vela é preciso concertar cita previa coa confraría de pescadores de Muros e inclúe unha visita guiada de arredor de media hora cun máximo de trinta persoas en cada unha delas.

vertidos cero. Por outra banda, recordar que a Asociación Vertidos Cero, encargada de coordinar as accións relacionadas coa recollida de lixo do fondo mariño no proxecto Mares Circulares, impulsado por Coca-Cola coa colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, creou uns distintivos co obxectivo de recoñecer a implicación dos pescadores, que foron entregados fai uns meses no porto de Muros á confraría e á embarcación Meira da Costa.