Muros mellorou o saneamento en Serres e Torea grazas á Xunta

Recibiu unha achega autonómica de máis de 54.000 €// Prieto achegouse á vila para coñecer as obras desenvolvidas ao abeiro do Fondo de Compensación
Obras
María Cano
Prieto, centro, acompañada polo edil de Obras e a alcaldesa muradá durante a visita. Foto: C.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou este venres a localidade de Muros para coñecer as actuacións desenvolvidas polo Concello para a mellora do sistema de depuración de augas residuais nos lugares de Torea e Serres, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.

O Goberno autonómico colaborou na iniciativa cunha achega superior aos 54.000 euros. A través desta liña de axudas construíse un novo sistema de depuración no núcleo de Torea con capacidade para atender 25 habitantes. Na obra desmontáronse as tubaxes de saneamento existentes para colocar o novo sistema, que conta cunha arqueta de desbaste, un decantador-dixestor, un leito bacteriano, un pozo de inspección e un pozo filtrante, así como cun aliviadoiro para as augas pluviais.

Por outra banda, na parroquia de Serres realizouse unha rede separativa de saneamento no lugar de Campo de San Ramón. Inclúe un colector para augas fecais, con catro novos pozos e unha lonxitude de 74 metros, e outro para augas pluviais, con tres novos pozos e unha lonxitude de 62 metros. En ambos casos dispuxéronse tubaxes soterradas de PVC e pozos de rexistro con tapas estancas para evitar a entrada de augas pluviais. Estas obras serviron tamén para mellorar o Camiño do Prado.

Durante a súa visita a Muros, Natalia Prieto sinalou que o Fondo de Compensación Ambiental, dotado este ano de 11,3 millóns de euros, destínase ao funcionamento de servizos municipais relacionados coa protección do medio. Trátase dunha medida posta en marcha en 2010 para distribuír os ingresos do canon eólico, o que permitiu ata agora cofinanciar proxectos por un importe de 116.655.448 millóns de euros.

As actuacións desenvolvidas no municipio muradá enmárcanse na liña do fondo en concorrencia non competitiva, que suma este ano seis millóns de euros para 123 concellos con parques eólicos no seu ámbito xeográfico. Deles, 49 sitúanse na provincia da Coruña. A directora xeral destacou que Muros se volve beneficiar neste exercicio da medida, cunha achega superior aos 55.500 euros.