Nova remesa de tapóns para o neno brionés con Dent dende Barbanza

Solidariedade
M.C.
Enviaron máis dunha tonelada de tapóns recollidos nos últimos meses. Foto: Concello de Boiro

boiro. O Concello de Boiro vén de enviar un camión con máis dunha tonelada de tapóns ao centro loxístico de tapóns solidarios. O concelleiro de Servicios Sociais e Medio Ambiente, Raúl Treus, supervisou o cargamento de material doado para a investigación da enfermidade de Dent. Estes tapóns foron recollidos nos últimos meses nos diferentes puntos de recollida do termo municipal que se atopan en cada parroquia. “Comezamos instalando un colector en forma de corazón na praza do Concello e a demanda fixo que instalásemos un en cada parroquia”, afirmou o concelleiro. A instalación destes colectores e a súa gran acollida demostra tamén “a concienciación na reciclaxe” dos boirenses. Este porte de tapóns está destinado á investigación da enfermidade de Dent, unha doenza rara que padece Hugo, un neno de Brión. m. c.