Novo premio na Mostra Mares da Fin do Mundo

Mostra
M.C.
Gallego, esquerda, e González na presentación da mostra no ano 2020. Foto: ECG

Outes. O cine doumental regresará a Outes este mes coa Mostra Mares da Fin do Mundo. Será do 28 de outubro ao 1 de novembro. Dende a organización veñen de anunciar que nesta quinta edición contarán con dous galardóns que premiarán as obras seleccionadas na Competición Oficial.

“O primeiro é o xa instaurado Premio do Público, o Sancosmeiro. Os asistentes ás proxeccións serán os encargados de elixir o filme gañador mediante os seus votos. O segundo galardón é unha das grandes novidades deste ano. Por primeira vez, a Mostra contará cun xurado oficial, conformado por profesionais da industria, encargado de outorgar o premio Mares da Fin do Mundo á Mellor Película da Competición Oficial”, explicaron os organizadores.

Nesta edición, o xurado estará conformado por tres membros: Eva Lodeiro (Laracha, 1987), editora de vídeo e posprodutora cunha ampla traxectoria internacional; Lara Capeáns (A Coruña, 1988), realizadora e editora audiovisual, especializada en cinema documental e seleccionada en diversos certames, e o director e produtor Xosé Zapata (Carral, 1975). m. c.