Novos avances no proxecto de reciclaxe e de reutilización de Lousame

Esta semana comezan a instalar depósitos para o aceite usado en todas as parroquias
Reciclaxe
María Cano
O concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez. Foto: C. L.

Lousame. O Concello de Lousame instala depósitos de aceite usado en todas as parroquias do municipio. O proceso de establecemento destes novos colectores comeza esta semana e a previsión é que nun prazo máximo de tres semanas xa estean todos a disposición da veciñanza. Trátase dunha acción que se enmarca no proxecto de reciclaxe e impulso da reutilización de residuos que abandeira o executivo local.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez, explicou que “a media de aceite usado por habitante ao ano é de 5 quilos, polo que é moi importante promover un bo uso destes novos colectores, que supoñen un investimento municipal necesario para mellorar as cotas de reciclaxe do concello”.

Segundo indicou o edil, os depósitos son só para aceite embotellado, polo que non se pode verter o líquido a granel. Para facilitar a súa reciclaxe os usuarios e usuarias deben empregar un envase de plástico de uso doméstico.

Cómpre lembrar que o aceite usado ten un alto poder de contaminación, un litro pode contaminar ata 1.000 litros de auga, se ben non é un residuo perigoso. Cando termina nas plantas de tratamento de augas residuais é moi difícil de eliminar, e cando aparece no medio natural ocasiona a contaminación dos terreos acuíferos e provoca danos na fauna e na flora.

O seu tratamento permitirá transformalo en biodiésel, que é un carburante ecolóxico que non xera emisións e que, polo tanto, non deixa pegada de carbono. M.C.