O busto de Sabardes xa está en posesión do Concello de Outes

A peza, de orixe castrexa, foi doada pola familia que a conservaba ata o momento
Arqueoloxía
María Cano
González, esquerda, e o arqueólogo Manuel Lestón xunto á escultura. Foto: Concello de Outes

O Concello de Outes é dende o mes de xuño titular do denominado busto do Freixo ou busto de Sabardes, unha figura humana esculpida en granito, en representación da parte superior dun personaxe masculino e con orixe vinculada probablemente á cultura castrexa. Así o fixo público o alcalde de Outes, Manuel González, quen indicou que esta peza de indubidable interese histórico e cultural, foi doada pola familia que ata o momento a conservaba no seu domicilio.

O rexedor aproveitou para agradecerlle o xesto á familia, residente no Freixo de Sabardes, así como ás persoas que se fixeron eco inicialmente da posible importancia da escultura, nomeadamente a Anxo Núñez, concelleiro do BNG, e ao colectivo A Rula. Asemade, González tamén destacou o estudo feito polos arqueólogos Manuel Lestón e José Suárez, encargado polo propio Concello.

O executivo outense, que xa lle comunicou este feito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, decidirá nas vindeiras semanas o lugar onde se conservará e exhibirá o busto “en aras de difundir o seu coñecemento e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Outes”.